Friday 03 de May de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación do proxecto de mellora da zona da Pastoriza, que conta cun orzamento de 331.735 euros


A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente das obras de mellora dos accesos á Almáciga no ámbito da Pastoriza. Con esta actuación, que conta cun orzamento base de licitación de 331.735,79 euros, recupérase para uso peonil unha rúa concebida para a circulación rodada. Complétase así a reurbanización da zona, onde xa se executaron os tramos de Santa Clara-Basquiños e Basquiños-Pastoriza, nos que se reduciu o ancho da calzada gañando espazo para o peón.

A superficie de actuación é duns 1.250 metros cadrados. As obras afectan á calzada e beirrarúas da rúa da Pastoriza, no tramo comprendido entre o cruzamento coa Travesía das Pastoriza e o inicio da pavimentación con lousas de granito, 65 metros antes de chegar á praza da Paz. O obxectivo é recuperar como espazo público este antigo camiño de entrada á cidade, convertido na segunda metade do século XX en travesía urbana, rescatándoo para o peón e mellorando a accesibilidade e a fluidez peonil.

Neste tramo da rúa Pastoriza existe unha clara diferenciación entre a beirarrúa surleste, cun maior ancho e coa maioría dos baixos ocupados por locais comerciais, e a beirarrúa noroeste, máis estreita e con acceso unicamente aos portais dos edificios de vivendas. O proxecto mantén a diferenciación entre as beirrarúas, aumentando lixeiramente o ancho de ambas, como froito da modificación do ancho da calzada.

En concreto, para a beirarrúa surleste, o proxecto contempla unha plataforma continua cunha pendente de entre o 2 e o 3%, que parte do nivel da calzada no paso de peóns situado fronte á igrexa da Pastoriza e vai subindo ata enlazar co pavimento de laxas de granito existentes, á altura do portal número 15. Remata cun bordo de granito que a separa da zona de aparcadoiro e colectores soterrados, na que tamén se sitúa o espazo da parada de autobús, a zona de carga e descarga; e o aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Aquí a accesibilidade resólvese cunha rampla cunha pendente do 7,4%.

Polo que respecta á beirrarúa noroeste, non presenta problemas de mobilidade ao atoparse toda ao mesmo nivel. Nesta zona, o proxecto contempla a construción dun novo pavimento en substitución do existente que presenta certas irregularidades derivadas da súa deterioración. Neste tramo mellorarase a pendente transversal para facilitar a evacuación das augas pluviais.

O proxecto propón unha pavimentación diferenciada para calzada e beirarrúas. Na calzada contempla un pavimento asfáltico novo para o que levará a cabo a escavación de toda a área, co obxecto de renovar as instalacións existentes e colocar outras novas. Nas beirarrúas proponse un pavimento continuo de formigón gris, adecuado ao tráfico peonil e de facil mantemento.

Outros acordos

O goberno municipal tamén aprobou a memoria e os prezos públicos do “Programa Surf Camp” para este verán. Desenvolverase entre o 30 de xuño e o 7 de xullo de 2022, no albergue de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Conta cun cupo de 30 prazas. O custe por persoa participante é de 120 euros.

Este programa está destinado a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos empadroados no Concello de Santiago. O campamento de verán de Surf, desenvolverase entre o 30 de xuño e o 7 de xullo de 2023. O calendario de preinscrición para participar nas actividades, establécese entre o 22 de maio, ás oito da mañá, e o 2 de xuño ás dúas da tarde. Os pagamentos deberán realizarse antes do 19 de xuño.

En caso de inscribirse un segundo irmán, este último contará cun desconto dun 16%, polo que a cota será de 100 euros, o mesmo que para familias numerosas. Das 30 prazas ofertadas, resérvanse 3 para participantes que proveñan de familias en risco de exclusión social, previo informe do departamento municipal de Servizos Sociais; ás que se lle aplicará un desconto do 100%.

O obxectivo do “Programa Surf Camp” é prestar un servizo á cidadanía máis moza, e facilitar as relacións intepersonais entre eles a través de distintas actividades didácticas, deportivas e de lecer. Trátase dun campamento relacionado co mar, onde se mestura a práctica dos deportes náuticos coa flora e fauna mariña. As actividades programadas organízanse en torno a diversos eixos temáticos como son o xogo, o deporte, a saúde e a calidade de vida, o coñecemento e a cultura, a conservación e o respecto pola natureza. Requiren, todas elas, dun esforzo físico constante debido á práctica continuada de actividades deportivas, como surf, sendeirismo ou snorquel.

Por outra banda, tamén se autorizou o préstamo temporal, a favor do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), de distintos documentos depositados no Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela e no Museo do Pobo Galego, para unha exposición sobre o arquitecto Antonio Palacios Ramilo, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento.